Investigar: un negocio

O Centro Superior de Investigacións Científicas é o organismo español que mellor xoga na liga europea menos coñecida, a da Ciencia. En Bruxelas, na Rue du Trône (ou Troon Straat), ten sede que funciona ás ordes do profesor ourensán Jorge Velasco, físico de partículas.

Hai días foi convidado a falar alí José Manuel Fernández de Labastida, colega seu, catedrático da Universidade compostelá e arestora xerente da oficina executiva do European Research Council, que financia os proxectos máis «rompedores» dos científicos máis «inspirados». Labastida deu resultados da actuación do consello nos últimos seis anos.

Os asistentes á presentación atendían en canto tomaban notas e falaban polo baixiño: as universidades de Oxford e Cambridge son as que máis cartos obteñen da UE para investigar «ao límite do coñecemento», seguidas pola Universidade Hebrea de Xerusalén (Israel é país asociado á UE en materia científica). Por países, mandan grandes e pequenos: Gran Bretaña, Alemaña ou Francia, Israel, Suíza (outro asociado) ou Dinamarca.

Ao remate, houbo café e comentarios. Un deles, repetido, sobre «money from research». Investigar é un negocio: o que se descubre, tarde ou cedo, acaba sendo patentable e fabricable. Velaí logo o afán investigador das nacións industriais, grandes ou pequenas.

[La Voz de Galicia, 14/02/2014]

Share