A obriga de saber (Caderno da vida, 15/06/2003)

Compostela. O profesor, que xa o foi en Salamanca e Manchester, dá as súas clases en galego, e promete especial atención aos alumnos que tiveren dificultades para entendelo. Acabado o curso pon exames e recibe petición de revisión dunha alumna suspensa. A rapaza, luguesa, argumenta que non entendeu ben os enunciados por lle viren en galego. O profesor pídelle que sinale en detalle o problema e ela vai directa a uns adxectivos que aparecen en cadansúa pregunta: “ferroso”, “arbórea”, “nomádica” e “implosivo”.
— Es que yo no tengo por que saber gallego —remata, toda enfadada.
— Pois, daquela, vas ter que aprender castelán —cerra asunto o profesor…
Viana do Castelo. O home de negocios fai antesala cun empregado, coruñés novo, economista. Farto de viaxar e escoitar a Babel enteira, mentres espera ser recibido polo cliente portugués aproveita para dar lección de vida: para andar mundo ben valen os tres idiomas da Europa que máis se proxectaron alén dos mares, o inglés, o castelán e o portugués. O curioso dos galegos é que non entendan o valor da súa fala patrimonial, que os proxecta ao portugués, lingua espallada polo Globo.
De súpeto o empregado di que el vai falar castelán na conversa co cliente.
— Que aprendan los portugueses —conclúe—, porque a mí nadie me puede obligar a saber ni gallego ni portugués.
O seu superior cala, pensando en cando o vai despedir por inútil para a cortesía comercial. Pero comprende que todos somos fillos da educación, e que o odio ao propio é moito entre os galegos. Tentando amolecer a postura do mozo, faille unha pregunta:
— ¿Cal é o idioma de uso xeral en Mozambique?
O economista non sabe; nin coñece a nacionalidade dos mariños europeos que viraron por primeira vez o cabo da Boa Esperanza na carreira da India…
Santa Cruz de Oleiros. O profesor e o home de negocios parolan fronte ao mar soleado.
— Triste colonia —protesta o un.
— Impaís sen solución —lamenta o outro.
E consólanse bebendo grolos de cristalino godello.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 15/06/2003]

Share