A “Raza” moribunda (Caderno da vida, 08/06/2003)

Vila serrana que evoluíu a suburbio de xente acomodada, bulevar sombreado de pradairos, casas baixas con garaxe. Delas saen criadas con uniforme e cofia. As cores suaves da tea varían, do rosa ao gris, pero a pel das criadas é canela. E o viaxeiro, que achega o coche a elas, pode percibir unha mesma pronuncia caribeña.
No bulevar hai cabinas de teléfono ocupadas por mozas mulatas que falan castelán e por homes mouros a falaren árabe e bérber. Os buses transportan mulleres de cabeza envolta no veo que manda o Islam.
Na igrexa antiga e desmesurada, propia de terra de cristiáns vellos, vai haber bautizo. Grande cantidade de adultos congrégase no adro, con poucos nenos e case ningún rapaz. A vestimenta dos congregados responde a canons da burguesía media e pola súa semellanza fai pensar nunha única familia. Con todo, media ducia de meniños fan sospeitar o que o crego logo anuncia: unha “tanda” de bautizos.
Entran ao templo pais, padriños e familiares coas criaturas. Dispóñense arredor da pía bautismal. A moitos sorprende ver entre os que van recibir a auga bendita unha pequena que corre e fala: caso raro para católicos romanos. Pero máis raro aínda porque a picariña fala unha lingua que ninguén entende, e porque ela non entende a ninguén. Negra coma o acibeche, de faccións índicas, os pais –españois, adoptivos- quérenlle chamar Cristina e a ela tanto lle ten porque xa terá nome imposto polos seus…
O banquete do bautizo dun dos nenos normais (segundo a norma histórica) dá para moita rexouba. Fálase nel dos custos de adopción, das facilidades de traer nenas chinesas. Un matrimonio novo declara que non pensa ter fillos, pero que os vai adoptar. Varias damiselas rebélanse contra os espantos do parto, din que se negan a parir.
Os camareiros son en maioría amerindios e mínimos, ecuatorianos. Levan tempo en España e xa non se escandalizan. Cun ollar altivo, de humanos normais, limítanse a servir a “Raza” moribunda de Jaime de Andrade.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 08/06/2003]

Share