Un luns ao sol (Caderno da vida, 01/06/2003)

Vigo, luns, con sol espléndido que fai da ría un terso espello azulado. Nun estaleiro que estivo cheo de homes de aceiro e soldadura, un casco alto e robusto espera converterse en buque con todos os elementos para navegar pola súa conta.
Agora o cadro de persoal da empresa está moi reducido, a un tercio seica, e xa non fican daqueles soldadores históricos que ensinaban ben os aprendices. Prexubiláronos e andarán a tomar o sol, sen teren a quen transmitir o oficio.
Ese casco non tomou forma nas gradas do estaleiro. Foi feito na China. Si, na China da pneumonía. Hoxe o máis barato é encargar o traballo de chapa e soprete onde a xente vive do arroz baixo a propaganda do partido único. A calidade non é a óptima, pero é dabondo e afórrase moito construíndo alá para despois armar aquí o barco enteiro.
Vigo é parada intermedia para o que será nave poderosa con bandeira escandinava. O casco veu a remolque desde o Extremo Oriente ao extremo do Occidente europeo. Do Leste de Europa veu o motor. Da Escandinavia chegarán os sistemas de navegación, e a electrónica fina vai chegando da California.
Fronte á ría dos poetas que só puideron imaxinar un mundo plano con fronteiras de misterio nárrase unha historia do momento en metal a penas protexido contra ferruxe e salitre. Dise nela que o Globo encolle e os países se clasifican pola capacidade de facer dos seus habitantes.
Os visitantes do estaleiro toman nota da clasificación: aos galegos fícalles o oficio de xuntar pezas de barco e armalas, porque nin o casco nin nada do que se meta a bordo é fabricado aquí. Mesmo aceptando que sexa bo oficio o de integrador —comentan— cómpre preguntarse polo momento en que os fabricantes das exquisiteces técnicas comecen a fiarse dos integradores chineses. E, aínda máis, polo día en que os chineses fabriquen todas as pezas exquisitas dun navío.
Daquela, ¿qué se vai facer nun Impaís sen inventiva nin fábricas?
Tomar o sol, sexa luns ou calquera outro día da semana.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 01/06/2003]

Share