A España policéntrica (Caderno da vida, 25/05/2003)

Lavacolla. Sol ata Barajas. Nas serras, manchas de neve aínda. Atascos malia o túnel de Álvarez del Manzano, marca do seu reinado no Monumento ao Centralismo. En Colón flamexa á brisa a maior, se cadra, das bandeiras do mundo: algo americano, unha charramangada do tamaño propio de nación que non cre en si mesma. O viaxeiro ao amable Madrid da súa mocidade universitaria coida que retornou a un mundo desaparecido, ao que quixera varrer a UCD abrindo a man á España das rexións e as nacionalidades.
Pero a Historia camiñou cara atrás e en Colón hai unha soa bandeira vermella e amarela, exenta, infinitamente afastada das insignias menores que demostran vontade dunha supranación policéntrica. Camiñando cara atrás todo para atrás volve, por culpa dos provocadores; e mesmo en xuntanzas de enxeñeiros (manexadores de coñecemento por principio alleo á política) os ambientes pódense quentar ata a beira do insulto.
Cadaquén sente por riba dos pensamentos e, sentindo, chega a pensar e falar. Preto da bandeira que causa vergoña polo desmesurado, polo que ten de explicatio non petita, as conversas técnicas dos visitantes ao Rompeolas de las Españas pódense desviar. É cousa de tantos por centos, de evolucións: nos últimos seis anos concentrouse en Madrid a metade dos negocios das telecomunicacións, as escolas técnicas da periferia convertéronse en centros de formación de emigrantes, e por tras do movemento de concentración e peche de delegacións rexionais hai algo máis que necesidades de empresa. Hai política de nación.
Triúnfa o nacionalismo exacerbado dos da bandeira inmensa e as conversas dexeneran, o ambiente entre colegas deixa de ser cordial. Os canarios falan de descarnada independencia, nos ollos dos vascos hai rancor, os cataláns finxen desprezo, os galegos saben que Nunca Máis só foi un alarde… E a Castellana énchese de xentes alleas a España, que adoran a bandeira de Colón, a da súa nova patria: á que non lle poden esixir Historia.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 25/05/2003]

Share