Bandeiras republicanas (Caderno da vida, 11/05/2003)

A televisión trae imaxes dunha concentración de xente nova. De cando en cando a cámara achega picariñas nas que agroman formas de muller. Vestidas de colexio, a sinxeleza do uniforme non priva dunha suxestión de seos a saltar e cadrís a abanear que condenarían duramente as avoas delas, señoras de veo e misal. As pequenas berran e aplauden, fan a onda cos brazos ergueitos, mostran rostros arroutados como as súas mais mostraban diante de poderosos cantantes, príncipes de soño erótico.
Sorprende que a rapazada necesite animadores, mozas e mozos con cartón identificativo e consignas preparadas, que inducen o grito en masa como os axitadores que pagaban as compañías discográficas cando se esboroaba o réxime da perpetua represión. Sorprenden tamén os adustísimos vestidos clericais e monacais mesturados coa roupa lixeira e colorida. E chama a atención tanta ledicia nas caras dos maiores á vista do espavento dos menores.
Pero o que de verdade fai abraiar o espectador é a criatura que provoca tal espectáculo televisado en directo, colocada alá na lonxura e na altura, teatralmente, ao xeito dos grandes ídolos da canción que forman parte dos “circenses” en sociedades nas que o pan non falta. Corcovado e case inmóbil, non se corresponde co estereotipo do cantante incitador ao paroxismo. Nin a súa popularidade en España chega minimamente á que lle concede o nacionalismo exacerbado dos seus compatriotas, que o expoñen en desmesurados retratos e mesmo o comparan con Chopin ao demandaren que, cando morra, o seu corazón embalsamado se garde en santuario patrio…
Quizais el coide que eses mociños con bandeiras e pancartas xuntos no ermo madrileño son representación de todos os de España. Pero cómpre que alguén lle diga que faltaban os representantes dos que ven nel un ancián vencido pola doenza, tremente e babeante, un avoíño que non lles produce entusiasmo senón compaixón. Faltaban, si, porque alí non se viron bandeiras republicanas.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 11/05/2003]

Share