Kakistocracia arxentina (Caderno da vida, 04/05/2003)

Río Gallegos, a case 3000 quilómetros de Buenos Aires, é a capital da provincia de Santa Cruz, que os primeiros navegantes do Mar Austral chamaron “la acabación de la Tierra”. Territorio de avestruces e guanacos, único no Globo, onde o Xeo Continental se verte en glaciares arrepiantes na inmensidade dos lagos andinos, sobrevive sabendo que na Capital da Nación só se lembran del para falar de gas e petróleo. A cidadiña de casas de lata azoutadas polo vento onde goberna o xusticialista estrábico Néstor Kirchner conta con centro galego e é famosa pola revolución anarquista que dirixiu o ferrolán Antonio Soto…
Daquelas lonxuras frías vén o Kirchner disposto a enfrontar o “turco” Ménem coa idea de lle dar á patria “unidad, inclusión social y producción”. Pero a patria dubida del porque toda a Arxentina é dúbida; porque, se cadra, a nación non existe. Unha nación con medo a que lle descubran polo ADN o que se lle ve nos ollos riscados e o bronce da pel (que é filla de indios), que se divide entre bienudos e mersas, gallegos, tanos, gringos, turcos, rusos, criollos, cabecitas, negros… quizais sexa imposible; un pobo que se concentrou no Gran Buenos Aires e permitiu que a Patagonia belísima e riquísima sexa eterno obxectivo chileno (e, secretamente, solución final para Israel) é que non ten consciencia de dominio territorial nin ansia de integrar terras e xentes.
Sarmiento soñou con facer competir a riqueza arxentina coa dos Estados Unidos. Pero nin el nin os seus sucesores conseguiron que a GCU (“gente como uno”: crioulos vellos, españois) dirixise o país como os WASP ianquis. A elite retirouse, puxo o diñeiro en libras e despois en dólares e entregou o poder á xentiña do aluvión. Velaí logo os apelidos dos contendentes para a presidencia. Forman parte do que os “bien” chaman a kakistocracia: o goberno dos peores, o que nunca levará o segundo impaís dos galegos a bo porto, e menos ao difícil porto de Río Gallegos no Mar Austral.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 04/05/2003]

Share