O crime mexicano (Caderno da vida, 27/04/2003)

No último cuarto do século XIX dous homes de pouco máis de trinta anos escriben senllos romances insuperables dentro de cadanseu sistema literario: en portugués, José Eça de Queiroz dá ao prelo “O crime do Padre Amaro”; en castelán, Leopoldo Alas, “La Regenta”. Ambos os dous tocan o problema de alma que xorde e leveda entre cregos condenados ao celibato e mulleres necesitadas de varón. Os escenarios, dúas sés episcopais provincianísimas.
“O crime do Padre Amaro” e “La Regenta” son obras para reler, nos seus idiomas orixinais ou traducidas porque, estando a Literatura por cima dos idiomas, serven a calquera lector como mergullo en mundos complexos que, explorados unha e outra vez, a cada volta mostran novos recantos do labirinto humano nos que pararse a meditar.
Non faltaron versións curtas e longas, cinematográficas e televisivas de ambos os monumentos literarios, en ocasións acompañadas de grandes orzamentos e actores atractivos. A máis recente é “El crimen del padre Amaro”, filme mexicano que tenta trasladar o drama de Amaro e Amélia desde a Leiría portuguesa de 1875 a unha cidadiña do vasto país norteamericano no 2000. Fíxose moito anuncio deste producto audiovisual “latino”, impactante nos Estados Unidos, gracias ao que en España (sempre de costas a Portugal, país periférico, “disidente”, con lingua irrenunciable) se chegou a oír da obra magna de Eça de Queiroz.
Visto con coidado, mesmo mirando con cariño a figura que representa Sancho Gracia (simpático, honrado no fondo, moi diferente do cóengo Dias de Eça), o espectador, se for lector, terá que preguntarse que falla na fita, por que o deixa insatisfeito. E unha vez máis xurdirán nel grandes dúbidas: ¿pode a arte cinematográfica competir coa riqueza suxestiva da literaria? ¿É rendible trasladar a narración escrita ao dominio icónico-sónico? Para acertar no cinema ou na televisión, ¿non haberá que narrar desde as súas limitacións?
Si e non. O crime mexicano dá para moito debate.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 27/04/2003]

Share