La Cina è vicina (Caderno da vida, 20/04/2003)

Cardiff (versión inglesa) ou Caerdidd (versión galesa), capital de Gales (Cymru na lingua vella), no oeste da Gran Bretaña, periferia occidental de Europa. Lonxe de Caerdidd, en Atenas, vense de asinar a ampliación da Unión Europea. Seica se van xuntar máis de catrocentos millóns de europeos e hai preocupación en Gales polo que representa a outra periferia, a do leste, a dos cerebros educados e os soldiños cativos: o Arco Atlántico vai perder prebendas e competitividade.
A xuntanza de Cardiff ten que ver coas telecomunicacións, co concepto novo da “voz empaquetada”. Polas grandes xanelas da sala entra unha luz pálida, bretemosa, que ilumina rostros asiáticos, de bronce claro en contraste co róseo dos europeos. Non hai distingos na maneira de vestir dos interlocutores, e a fala común, correcta, é o inglés.
Os tecnólogos chineses presentan o seu producto para empaquetar voz, un corenta por cento máis barato có europeo equivalente, e mostran certificados de calidade que superan os dos competidores europeos e norteamericanos.
Chegada a hora do descanso, mestúranse conversas. Non falta nelas a guerra do Iraq, que os chineses critican como terrible abuso americano. Nun aparte, un galés advirte a un galego de que á Europa non lle fica nada por facer como unión, salvo esperar que o xigante chinés siga medrando e se converta na hiperpotencia capaz de medir forzas cos Estados Unidos: a China con coñecementos técnicos é imparable, os chineses son máis dos que a soberbia ianqui se atrevería a atacar, están organizados e séntense nación.
Cunha cunca de té na man, o galego mira para os ollos riscados dos colegas de Xanghai, sabios e discretos, e venlle ás mentes o famoso filme de Bellocchio.
— “La Cina è vicina” —pronuncia o título.
O galés entende o italiano e retruca:
— Tanto ten que estea “vicina” ou “lontana”. A China está no mundo e un cerebro chinés, para funcionar, demanda a enésima parte de bens de consumo que os nosos ou os dos americanos.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 20/04/2003]

Share