A caída de Fidel (Caderno da vida, 13/04/2003)

A Habana, calorosa e colonial, trae lembranzas de Asunción do Paraguai; pero a baía habaneira refresca a poboación mellor có Paraná.
Con todo, o galego vello recibe os visitantes en camiseta, e a vella galega leva a penas unha bata leve, sen ombreiros.
Na penumbra, baixas as persianas da fiestra enreixada, os visitantes abren conversa entregando un sobre con cincocentos dólares, incrible fortuna que manda a familia da terra común dos inmigrantes e os viaxeiros.
Corren despois as aventuras dun mariñeiro do microbarrio de Peixiño, na Casablanca ao outro lado da Habana. Reafírmanse coñecementos familiares dos que padeceron o terror franquista “que a tantos de nós botou ao monte”, como di o ancián da camiseta. O emigrado á forza declara a súa fe na democracia, no socialismo e no sindicalismo. E confesa actividades contra Batista.
Aos perigos pasados en España súmanse os xurdidos na illa. A protección fraterna dos galegos do mar e a desaparición en México durante os momentos peores marcan a vida dun traballador defensor da honra do traballo fronte ás dictaduras.
Despois vén a revolución, a ilusión, a incautación dos bens cooperativos dos mariñeiros de Peixiño; e a desilusión…
Na fin da conversa o viaxeiro máis atrevido pregunta ao emigrante desilusionado por que non se volve para unha Galicia xerontocrática, pletórica.
O vello fai o xesto de tocar unha barba que non ten (o que alí se fai para indicar o Fidel) e responde polo baixiño:
— Teño que ver caer o traidor…
Traidor e tirano, príncipe maquiavélico dun miniestado policial, cárcere en forma de bela illa, non só silencia os escritores, sempre impertinentes, senón os que pouco saben de letras.
E na súa ousadía magnífica mesmo lanza ameazas a viaxeiros que tratan coa disidencia máis humilde: chega a lles transmitir que non volvan ao seu principado, nin eles nin os seus familiares, “por se os teñen que ir buscar” (palabras de cónsul).
En fin: grande ha ser o espectáculo da súa caída.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 13/04/2003]

Share