Maxistral ignorancia (Caderno da vida, 30/03/2003)

O enterro de don Gonzalo Torrente converteuse en mostra de medios de telecomunicación modernos. Un xornalista contaba ao micro o que a cámara captaba para envialo vía satélite á súa cadea de televisión. “Entre los asistentes —dicía— destaca la figura del premio Nobel José Saramago”. Os de Ferrol protestaron, porque se estaba dando terra a un ferrolán único (¿que importaba logo o portugués alí?) e o xornalista asordinou, calou case…
O mundo anda tolo. No medio da tolería a xente fai caso a quen ten sona, sen avaliarlle o discurso. De feito, mestre Saramago leva fama dabondo como para dicir parvadas e que llas impriman: “La Nación” de Buenos Aires reproduce en versión dixital declaracións solemnes de “don José” (como seica gusta de ser chamado, á española) a “Il Messagero”. Di el que “o correo electrónico non pode ir acompañado de emocións” e que “os homes han acabar un día pechados nun cuarto cunha pantalla, a comunicárense co mundo pero sós”.
Fica logo claro que o mestre xa non é deste mundo. Non sabe que a baratura da comunicación pola interrede global disparou o exercicio epistolar, que se volveu á carta, agora sen sobre nin selo. Nunca tanta misiva de amor e amizade se escribira nos últimos tempos. Gracias ao correo electrónico supéranse as censuras e sábese con dor de carne queimada o que acontece, segundo a segundo, en Bagdad.
Pobre Saramago. Pensar que a xente vai ficar soa diante da pantalla do ordenador supón ignorar a fervenza de solidariedade global que se verte na arañeira electrónica a cotío (velaí o “Prestige” ou da guerra do Elefante contra o Alacrán, tristes exemplos). O Cárcere Azul encolleu, as súas celas comunícanse (perigosamente para déspotas e tiranos).
Hai persoas que van avellando mentres acompañan a vida nova, e outras que se pechan no seu decaer. O escritor portugués que non entende o galego vai polo segundo camiño: seica confunde o telegrama descarnado coa carta ampla transmitida por datagramas.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 30/03/2003]

Share