Paralelismo patagónico (Caderno da vida, 23/03/2003)

No anuncio da televisión un gaucho a cabalo corría pola pampa aberta e a súa imaxe fundíase coa dun avión de combate. “Argentina potencia” dicía a voz poderosa do locutor. Eran tempos de tiranía, de asasinatos, de desaparecidos aos feixes.
O tirano militar era un ser odioso. Pero de súpeto, na súa final inspiración, veulle ás mentes un grande proxecto patriótico: a reconquista das illas que uns chaman Malvinas e os outros Falkland. Cruzou o Mar do Sur, asaltou as posesións británicas e dispúxose a loitar.
Os galegos da Patagonia sentiron que se debían unir á causa e sometéronse gozosos ao réxime de zona de guerra. A dictadura dos “milicos” era un noxo, en moitas casas había fuxidos e desaparecidos. Pero da costa de Santa Cruz ás Malvinas hai dúas camadas de riqueza: un mar cheo de peixe e, baixo o seu fondo, outro mar de gas e petróleo. ¿Por que demo tiñan os malditos ingleses que meter alí os fociños?
Arrimaron o ombro aos crioulos, aos que lles chamaban “gallego pata sucia” e outras lindezas. Viviron a aventura, emocionados. Cando afundiron a “Sheffield” correu o espumoso, como choraron o afundimento do “Belgrano”.
Aguantaron ilusións vivas mentres vían como os ianquis apoiaban os ingleses, como a grande potencia, filla da que o fora, exercitaba a presión internacional e obrigaba a claudicar.
A un galego do petróleo, dos de Comodoro Rivadavia, un aviador deulle a indicación de que todo estaba perdido: “Gallego, se acabó la joda”, e decidiron beber unha magnum de cabernet de Mendoza…
Pasados os anos, ese mesmo galego recibía na capital do petróleo patagónico a un paisano viaxeiro, dáballe o mesmo cabernet e preguntáballe como se vivira en Galicia o conflicto anglo-arxentino.
In vino veritas, o visitante confesoulle o sentimento xeral: “Aínda sendo o Galtieri e compañía uns canallas, alá queriamos que Inglaterra perdese”.
Volveu pasar o tempo. Ollando hoxe para o Iraq, xorden sentimentos paralelos. En Galicia e na Patagonia.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 23/03/2003]

Share