Guerra e posguerra (Caderno da vida, 16/03/2003)

Antes de A Coruña ser gobernada por lacoruñesistas, o principal premio literario de Galicia levaba o nome da cidade.
Na convocatoria de 1980 gañou o galardón unha novela que relacionaba as eleccións xerais do 79 coa guerra civil e a posguerra.
O 23 de febreiro do 81 aconteceu o que está na Historia oficial. Pero a Historia total faise de intrahistorias, e falta contar que o autor desa novela foi perseguido polas advertencias e o medo ata ben despois de sufocado o golpe: advertíano de que podían volver “os de sempre” retratados no seu texto literario. Curiosamente, ás poucas datas do día aciago houbo unha cerimonia en María Pita en referencia ao premio Cidade da Coruña, acto ensombrecido polas pantasmas dos que non renunciaban ao seu triunfo no 39.
Correu o tempo e apareceron novos textos sobre espantos aloxados nas consciencias dos actores da guerra e dos fillos da guerra e a posguerra: “Os mortos daquel verán” e “Verán do 36” remexeron nas canalladas do Glorioso Alzamiento. “Fuxidos de sona” marcou crónica da guerrilla silenciada. “Matádeo mañá” desvelaría incribles peripecias dun perdedor…
Durante as dúas últimas décadas non faltaron na Literatura Galega incursións polo período máis atroz da Historia de España. Mais sorprende que na volta de século, do XX para o XXI, xurdan tantos relatos do acontecido hai entre setenta e cincuenta anos. ¿Por que? ¿Por mimetismo? ¿Porque Madrid marca rumbos bélicos?
De todo pode haber. Quizais algúns autores galegos estean pendentes do que se ve desde o embigo de España. Tal vez é que os derradeiros sobreviventes da barbarie se decidiron a falar cun pé na cova e alguén tomou notas. Con todo, fica a sospeita de que “os de sempre”, cheos de soberbia, estean a provocar a reacción literaria.
A Transición fíxose gardando as formas. Pero seica hoxe eles traizoan o espírito da Transición e o Tribunal das Letras sométeos a xuízo. Para dictar sentencia, se cadra, en forma de indiscutible ficción.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 16/03/2003]

Share