Rapazas sen fútbol

Na pasada festividade de San Tomé, o paraninfo da Universidade da Coruña encheuse de xente moza. Eran os novos alumnos distinguidos, os dos mellores expedientes académicos do bacharelato. Tamén se acomodaron xunto a eles os novos doutorados pola UDC e os autores de teses merecentes de premio extraordinario.

Todos irían desfilar polo estrado, onde académicos e benefactores lles foron entregando diplomas e medallas. Entre os espectadores do acto, dous docentes deron en contar mozas e mozos e facer estatística de xénero a ollo, na esperanza de podela contrastar con documentos.

E a ollo resultou que as raparigas gañaron en conxunto, con boa diferenza, porque representaban o 90 % dos bachareis laureados. Avanzando no percurso académico, ao chegar ao doutoramento a proporción baixaba, e seguía a minguar nos premios extraordinarios. Con todo, o dito: ¡Vivan as rapazas!

Ora, ¿a que se debe o fenómeno das boas notas das mociñas? Os profesores a facer contas lembraron como cando daban aulas polas tardes os rapaces lles faltaban se coincidían co fútbol na televisión. Ambos estiveron de acordo en que as alumnas de bacharelato, e da universidade, non se deixan alucinar co «LSD das masas». Quizais pareza esaxerada a conclusión, mais conviría estudar canto ten, estatisticamente, de certo.

[La Voz de Galicia, 05/02/2014]

Share