Informe dun taxista (Caderno de viaxe, 02/03/2003)

O avión aterra no aeroporto do Prat, sobre unha chaira que sería de hortas e “payesos”, dos cales só fican lembranzas. Na terminal aérea de Barcelona séntese un formigueo de urbe poderosa, unha antesala de Babel que busca taxi.
A conversa dos viaxeiros, en claro galego, anima o taxista a facer informe. El é de Pontecaldelas, vila na que nada se podía facer máis que emigrar. Leva trinta anos no taxi, Cataluña arriba e abaixo, con base en Barcelona.
— Cataluña foi feita sobre a escravitude —asegura, rotundo—. Os donos son eles; os criados, os de fóra. Nada hai novo baixo o sol catalán. Os proletarios sempre fomos galegos, murcianos, andaluces, casteláns, aragoneses… Hoxe son os sudacas, os negros e os mouros, e eses que veñen tuberculosos de por alá.
“Por alá” é o Paquistán, segundo se deduce nun camiño entre palmeiras tristes, fábricas novas e vellas, e un cheiro infame.
— Eu fixen moito carto co dos negros —prosegue o informe—, e non foi agora senón hai ben tempo. Mandábannos vir recollelos a avións que chegaban de noite, e levabámolos nos taxis ata as masías, todo ben oculto. E alí quedaban coma animaliños, fóra a alma, coitados, sen auga nin luz… Sempre había un xefe deles aquí, que falaba algo. Por veces pagabámoslle uns vasos e acababa contando tanta miseria. Daquela dábanlles vinte pesos á hora aos desgraciados, no tempo da recollida. E volta á casiña cos aforros, de noite outra vez.
Silencio. A historia do mundo fíxose de emigracións, e de explotacións de emigrantes: de escravitude e criadaxe, de pan conseguido a quebrar o lombo en terra allea, ao sol ou a furto, con nocturnidade quizais. Para moitas veces ser só óso no osario.
O taxi para diante do edificio de destino. En fronte, Montjuïc, todo nichos, bo sitio para agardar polo Xuízo Universal; para o encontro entre barceloneses e inmigrantes con contas que axustar.
O taxista non acepta ese xogo. Remata o seu informe con que ten tumba familiar na aldea caldelá de orixe.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 02/03/2003]

Share