A grandeza brasileira (Caderno de viaxe, 23/02/2003)

Cataluña de novo. No aeroporto de Alvedro anímase a conversa dos que esperan embarque. Fálase de “Nunca máis” con agarimo entre homes de traxe e attaché. A rexouba cae sobre o delegado do goberno. Din que os cataláns nunca admitirían un suxeito “imposto por Madrid” que se negase a falar catalán. Hai quen pide o seu “harakiri político” e a gargallada rebenta canto un malvado comenta que “os defuntos xa non se poden suicidar”.
Sae o avión. Queda abaixo a Galicia xeada, cos infinitos minifundios, as leiras a monte, explotacións gandeiras en abandono, cemiterios cheos á espera de que morran o crego e o sancristán de cada parroquia, como nos versos da canción de Serrat.
Un pasaxeiro declárase lector asiduo das notas de viaxe que se van publicando en La Voz. Elegante no falar, explica que é sobrecargo de Iberia retirado, e que o mundo lle ficou pequeno por causa da profesión.
Xorde a simpatía entre este viaxeiro profesional e o enchedor de cadernos de viaxe. Hai marabillas comúns nos seus recordos. A Patagonia inaccesible dálles para un bo pedazo de voo. Van revendo os glaciares andinos mentres sobrevoan as moles de pedra clara dos Picos de Europa.
E logo vén o Brasil, amor dos amores do sobrecargo, inmensidade continental unida só por un idioma, tan diversa que espanta, e, ao tempo, tan cementadamente patriótica.
O Brasil —di o exempregado de Iberia— nas mans do Lula vai experimentar unha transformación que xa se está dando en Europa, a da mobilidade das xentes, entre lugares e entre camadas sociais. Os pólos da industria, da arte e da innovación van atraer as masas esfameadas. Pero a diferencia daquel mundo co europeo é que toda esa revolución non vai ter “inmigrantes”, porque todos son brasileiros…
O Mediterráneo non brilla, o ambiente é fusco sobre as praias veciñas do Llobregat. O porto está repleto de buques. As torres de telecomunicación e o Tibidabo marcan o espacio do maior pólo de atracción humana da Península Ibérica.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 23/02/2003]

Share