Remolacha e presidentes (Caderno de viaxe, 16/02/2003)

Viaxe a un exótico país, imaxinado entre as rochas de Belesar que a chuvia difumina, á Galicia profunda coma as gorxas en que Miño e Sil se xuntan.
En terras chantadinas fálase de Europa, dos productos das súas uvas. E das súas remolachas.
Remolachas, si. Un funcionario da Unión metido a político di que o azucre é necesario para manter a gradación do viño, en Francia menos e na Alemaña máis.
Entre grolos de café un asistente á sobremesa de viaxeiros na propia terra conta o que lle aconteceu nun restaurante de Dormundt:
Probou o viño alemán ofrecido polo sommelier enmedallado, e cualificouno de “cacholeiro” para un colega galego.
A cualificación asustou o xefe da adega, quen preguntou pola procedencia dos clientes. Ao sabela comentou: “Isto non é para españois” e mandou cambiar a oferta inicial por un Bordeos “seguro”.
Acertado cambio, apoian outros galegos vidos de Bruxelas a Belesar; porque o azucre chama pola aspirina. Non hai coma os viños da Península Ibérica. Nunca se lles bota azucre porque non fai falta. Pero alén dos Perineos fanse distincións de “con” e “sen”. Na Alemaña, para evitar dores de cabeza cómpre procurar o “Qualitätswein mit Prädikat”.
Logo de traducido xermánico espanto a parola entra en significados, babelízase en cinco idiomas. E cando volve ao galego xa ficou claro que o francés é a lingua dos corredores do poder na capital da Unión; e o inglés, a das mesas de discusión.
Por iso -manteñen no corazón de Galicia os funcionarios bruxelenses- o Aznar non ten sitio alá, “porque non fala de nada”; aínda que tentou a lingua de Hitler en calquera acto europeo e a xente morría de riso: o floco de cabelo negro, o bigote, o ton agudo da voz…
Desde que hai Unión -conclúen- os presidentes de cada país debían ser elixidos imaxinándoos a presidila por quenda; ou, no futuro, como candidatos á presidencia estable.
E ollo, que, se en Roma os papas sempre son italianos, en Bruxelas os presidentes poden ser sempre belgas.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 16/02/2003]

Share