O Niágara de Belesar (Caderno de viaxe, 02/02/2003)

Inverno duro, granxas de vacas aterecidas. Chove, ameaza neve, e, cando o sol dá furado as nubes, refulxe a Galicia lucense, país agónico que encheu de apelidos Lisboa, Sevilla, Madrid, Barcelona e Buenos Aires.
A viaxe é a Chantada, corazón do Impaís; os viaxeiros son ben lidos e a conversa segue sobre a tese dun antropólogo que nega a presencia de xente da Arabia na España musulmana. Musulmáns houbo —di el— pero africanos.
Daquela, ¿por que tantos autores de Historia falan de incursións “árabes” en Coimbra ou Compostela? ¿De que caste era Almanzor o destemido? ¿A quen temían san Pedro de Mezonzo e Cresconio?
A mouros, mestizos e conversos ao Islam. Pero de árabes, nada. Só a lingua, aínda que os soldados que arrastraron o alfanxe ata as selvas do Sil tal vez soubesen falar “ladino”.
Quizais sexa máis doado converterse e desconverterse que mudar de fala: un viaxeiro mostra unha foto da revista TIME; nela, unha pancarta en Londres a pregoar que “O futuro da Gran Bretaña é musulmán”.
E se cadra, o da Galicia que se baleirou de xente…
Inverno cruel. Chantada, vila no medio do nada. A Ribeira. Traballo secular para facer sitio ás vides entre fragas. Socalcos. Casiñas no precipicio. Muros, pedra labrada fronte a rochas bravas que provocan fervenzas.
Melenas de auga e un nome que lembra o pasado imposible, submerso: “Pesqueira”, a que habería antes de ser feito o encoro de Belesar. Canto afogou a cobiza enerxética. Cánto se sacrificou polo progreso. Cánta xente tivo que emigrar.
Ceo toldado e auganeve. Nun punto das mil curvas paga a pena pararse e aturar frío para contemplar o aliviadoiro da auga que non pode conter a barraxe. Fuga curva e vaporosa, ten o seu de Niágara mínimo, artificial. Non é nada de Iguazú no esplendor dos trópicos. Pero fai pensar nas forzas terribles que moven turbinas ou arrasan cidades…
Tras do furor branco, o remanso azul. Augas calmas do encoro. E un restaurante-refuxio onde se van catar viños novos.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 02/02/2003]

Share