Novelas e historia (A voo de tecla, 11/09/2007)

Seica tanto na literatura como no amor todo vale mentres guste. Por iso se editan novelas e romances que pretenden escribir a historia, e outros que a estragan con anacronismos. Hainos tamén que se axustan fielmente ao que foi histórico e mesmo engaden elementos sobre os que os historiadores poden esculcar para chegaren a fixar feitos de xeito indubidable.
Este último caso vén sendo observado en distintos departamentos de investigación, como un da Universidade de Bos Aires que estudou as achegas dos romances históricos sudamericáns á construción das historias oficiais.
Con todo, de cando en cando érguese a voz dalgún profesional da historia científica para chamar a atención sobre os «intrusos» no seu eido: romancistas que recollen testemuños ocultos e documentos esquecidos para construíren ficcións. Danse casos de aviso airado de certos historiadores celosos da materia en que levan tempo a investigar ao descubriren que unha novela xa conta o que eles non deron contado (se cadra por non teren preguntado a quen podía guialos)…
Na fronteira borrosa entre a fantasía que se atén á historia e a historia estrita cómpre un distingo principal: o ficcionista xoga co lector un xogo de liberdade no que todo é lícito se soa a histórico; o historiador -como di o profesor Maiz Vázquez- non pode xogar con sentimentos. Só con feitos.
Aínda que próximos, o dominio da novela axustada á historia e o da historia científica son diferentes. Mais, con boa vontade, complementarios, simbióticos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/09/2007]

Share