Multimedios e árabes (Caderno de viaxe, 26/01/2003)

Novo adeus a Atenas, a onde cómpre volver. Finda o traballo sobre asuntos de “multimedia”, plural de “multimedium” que nos impuxo o inglés técnico desde o latín. Os viaxeiros ibéricos loan a coherencia dos gregos porque niso non se entregaron aos ianquis: falan de “polymesa” (de “polýs”, moito, e “mésos”, medio). En galaicoportugués ou en castelán deberíase dicir “multimedios”.
Grecia mostra así o seu nacionalismo, a nación reconstruída con palabras; e con relixión:
Velaí o museo da arte bizantina (para curiosidade, lápidas funerarias con cruces gamadas). Vese nel a brutalidade turca, que todo arrasaba. Pero tanto asaño musulmán fai lembrar a iconoclastia sórdida dos cristiáns, que destruíran minuciosamente as efixies dos deuses antigos…
O avión vai medio baleiro. Italia e Sardeña son breves sombras invernais. Faise noite sobre o Mediterráneo e o veciño de asento identifícase como catedrático de antropoloxía.
Vén de dictar, en inglés, conferencias sobre a España baixo o Islam. Cea e fai síntese académica da súa teoría:
En España nunca houbo árabes; ou, máis precisamente, debeu haber moi poucos porque a Arabia está lonxe e aínda máis lonxe estaría en tempos medievais. Iso non obstante, á Iberia chegou unha nova maneira de entender o mundo expresada en árabe e baseada no Corán.
As que invadiron foron xentes do norte africano, conversos que antes foran romanos por lei, e despois, bárbaros. Serían semellantes aos fillos de hispanorromanos asoballados por outras xentes xermánicas.
Cativaron os hispanos co Islam, e coa poesía escrita en árabe. Resistiron moitos cristiáns mais (revelación documentada nas súas conferencias en Grecia) eses xa se queixaban en lingua románica de que aos fillos só lles interesaba o escrito na dos invasores…
Aterraxe en “Majrit”, nome árabe. Cordial despedida do profesor.
O voo serodio, e sempre atrasado, de Madrid á Coruña dá para remoer —mesmo no vello nome do chapapote: “alcatrán”, tamén árabe.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 26/01/2003]

Share