Polémico petróleo (Caderno de viaxe, 19/01/2003)

Os visitantes ibéricos comentan na fría mañá ateniense que o mundiño grego dá para moito contar, en contraste con mundos grandes dos que todo é coñecido, como o dos Estados Unidos.
Na praza da Syntagma (Constitución) hai soldados antigos e modernos, uns con gorriño, saias e zapatóns; outros, fardados de guerreiro do século XXI.
Uns deputados están a facer ofrendas ao soldado descoñecido. Portan coroas de loureiro embandeiradas. Un mestre de cerimonias dá os nomes de cada oferente, precedidos do cualificativo kirios se é varón ou kiria se é muller. Turistas provincianos disparan as cámaras contra a figura dunha kiria comunista que achega a súa coroíña con pano vermello á figura xacente do soldado común e patrio. É alta, loura coma o trigo e veste de negro, traxe e abrigo longos, abertos ao longo das pernas…
Incribles fatos de cans ceibos ladran aos coches no tumulto de vehículos e persoas. Polo lateral do Parlamento que preside a praza constitucional segue unha avenida inzada de policías. Nela sucédense as embaixadas, predio tras predio; e máis adiante xorde un edificio con avións vellos á entrada, que levanta exclamacións de españois e portugueses polo nome: Polémiko Musío, Museo da Guerra.
Polémica, guerra. Camiño da xuntanza de traballo, a conversa vira a reflexión con fondo no desastre do Prestige, alá tan lonxe, no outro confín da Europa.
Galicia xa sufriu tres desastres por culpa do petróleo que enerxiza a nosa civilización, filla da grecorromana. Ata a Idade Moderna a Europa só soubo de leña, e chegou a facer mesmo vapor e aceiro con ela. Marco Polo falara dunha “pedra negra que arde” usada no Oriente, pero o carbón a penas moveu o progreso técnico durante un século. Hoxe móveo o petróleo, e non hai máis Prestiges porque Deus é grande.
Na Atenas petroleira corren preguntas entre persoas dedicadas á innovación tecnolóxica:
¿Como e cando vai acabar a dependencia do petróleo, causa de polémicas e guerras?
¿Como e cando?

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 19/01/2003]

Share