Desmentido nacionalista (Caderno de viaxe, 12/01/2003)

Os anfitrións gregos recollen os visitantes á porta do hotel e vanos guiando polas rúas máis intensas de Atenas, metade do mundo grego do século XXI.
A Elefteria é unha rapaza de ollos verdes e cabelo louro en fervenza que pon oído na parola de españois e portugueses a camiñaren xunto dela. Pregunta en que se entenden. Acláranlle que eses españois son galegos; e que a súa lingua ben falada pouco se distingue do portugués.
Diante da Academia, solemnísima, uns mormóns pregoan en grego (segundo traduce a Elefteria) que Cristo resucitado andou polos Estados Unidos. Entón os colegas atenienses da moza din envexar a ingleses, españois e portugueses porque en todo o Globo se entenden.
Os gregos —láianse— ficaron reducidos á nada; pero —ponderan como vantaxe— iso obrígaos a se abriren ao mundo, a aprenderen idiomas…
Portugueses, españois, ingleses, holandeses e gregos xúntanse a resolver problemas europeos. No inicio da xuntanza hai unha referencia ao horror do Prestige e, malia o traballo ser en col de moi diferente materia, a cuestión fica a pairar no ambiente.
Pero logo estala á hora do café: os portugueses volven mostrar receos contra Madrid, onde “os gajos não percebem nada de mar”. Os holandeses tratan os españois con infinita displicencia. Un altivo profesor de Manchester sentencia que “España non ten nin goberno nin mariña”…
Voltos ao traballo, o asunto parece sumirse no esquecemento.
Mais á fin da xornada, sobre a tranquilidade invernal da costa de Microlímano sen turistas, a grega Elefteria sorprende os seus convidados:
— Todo o que se conta en España a cerca dese barco é unha trapallada —profire, firme, os ollos a faiscaren nacionalismo—. O armador grego do que falan leva morto vinteún anos.
Un silencio tenso, perigoso, cae sobre a mesa do café portuario mentres se douran o mar e as velas dos iates. Daquela, habilmente, o profesor de Manchester inicia tema anglo-helénico: a epopea da guerra de Creta contra os alemáns…

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 12/01/2003]

Share