O Prestige en Grecia (Caderno de viaxe, 05/01/2003)

Atenas, tempo de nadal. Barrio de Plaka. A cea remata en acordo gastronómico: os peixes eran secos —aínda sendo frescos— e o viño, bo. No arco meridional da Europa, de Portugal a Grecia, os praceres de boca mandan; pero o Atlántico manda sobre o Mediterráneo nos manxares de mar.
Segue a música punteada. Na sobremesa un vello lánzase á pistiña do restaurante e baila só a danza calma que parece típica da nación dos bigotudos. Ergue os brazos, cruza os pés e fai abalar as puntas brancas do mostacho desmesurado…
Na rúa a noite é outonal. Saíron a vender homes moi escuros, da Asia índica. Triúnfan cuns crucifixos de luciñas, díodos luminosos en tempos de Papá Noel mecánico, repetido ás portas dos negocios.
De media, os gregos semellan portugueses ou españois. Non se lles sabe a raza, pero haberá quen llela defina como en Galicia aos cans de palleiro. Ora, si que hai gregos-gregos, e gregas-gregas, con faccións tráxicas e cabelos ondulados coma o mar —rostros estraños na Iberia dos mil recastes— que xa aparecen nos mármores da Grecia clásica.
Polos quioscos, en revistas e xornais, nada se ve escrito en grego acerca do Prestige. E chaman a atención unhas publicacións paupérrimas en lingua “esquisita” no dicir dos portugueses.
É albanesa. Albania non peta ás portas da Unión Europa: fíltrase polas fronteiras gregas. A presión albanesa é motivo de comentario constante en Atenas, como o terrorismo poida ser en Madrid…
No cuarto do hotel, tras da fiestra, o Partenón iluminado.
Unha chamada a Galicia permite saber que a Costa da Morte segue falecendo.
Un percorrido polas cadeas de televisión en hora de telexornal suxire que para as gregas o Prestige non exista, nin a flote nin afundido: non motiva nelas imaxes ou comentarios.
Pero a BBC escandaliza coa mostra do que puido pasar nos británicos rochedos se o buque tivese collido rumbo norte, en vez de sur, cando se estaba fendendo:
Un desastre, mesmo alá, onde non interesan os percebes.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 05/01/2003]

Share