Vento e casamento (Caderno de viaxe, 29/12/2002)

O taxi consegue chegar a un hotel da avenida de universidade, Panepistimio, sempre transitada.
Kalispera, parakaló —na recepción o viaxeiro inicia conversa con palabras corteses do grego, para seguila en inglés.
O recepcionista, con espírito de nadal entre grilandas, pregunta se ese “Boas tardes, por favor” é o único que sabe dicir o cliente no idioma do país. E este di que non, que coñece centos de verbas gregas, desde que lle ensinaron a falar cousas de Ciencias.
As alturas do cuarto permiten ver unha Acrópole iluminada, con vagos indicios de andamiaxe sobre o Partenón. Mais a observación dura pouco porque logo soa o teléfono e xorde unha cálida voz amiga a falar portugués…
O paseo de rigor é ata o barrio da Plaka (Laxe), pasando pola praza da Syntagma (Constitución). Unha inmensa árbore nórdica chea de luciñas desafía o parlamento da nación que fora triste provincia turca. A xente pasea disfrazada de inverno segundo dicta a moda (por exemplo, de Zara) pero vai calor para os de latitudes galaico-portuguesas.
Achegándose ao barrio máis turístico sorprende non oír todas as linguas do mundo. Manda o grego na noite ateniense e invernal, fóra de temporada, e mandan as cousas propias: un posto ofrece facsímiles de libros fascistoides, de catón (Alfabitario) nacionalista e de patriótica enciclopedia (Anagnóstiko). Galegos e portugueses, colegas das técnicas da comunicación dixital, fan mofa do que lles lembra a Franco e a Salazar.
Plaka está apagada. Ás portas dos restaurantes todo son incitacións. Soa a música, melopeas punteadas, cantos aflamencados de muller sufridora.
Os visitantes da Iberia lonxincua escollen lugar e falan de fado e cante jondo mentres revisan o menú. Os pratos de peixe fan maldicir gregos petroleadores da Fisterra. E velaí como os portugueses se revelan contra sorte ruín dos galegos:
— Da Espanha nem bom vento nem bom casamento.
Unha vez máis, como millóns delas, repiten a frase; agora no corazón de Grecia.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 29/12/2002]

Share