Fuxindo da negrume (Caderno de viaxe, 22/12/2002)

Acaba o ano fatídico, derradeiro capicúa para os que hoxe pululan polo Planeta-cárcere Azul. As conversas de aeroporto galego son acordes coas imaxes en portada de La Voz de Galicia: negrume na Fin da Terra dos que supuñan o Mediterráneo centro de todo e imaxinaban os indíxenas gallaecos a habitar illas, as Oestrimnias.
Adeus ás rías tocadas de morte pola estulticia xeral, a explotación insaciable do petróleo e a incapacidade de acerto dos gobernantes.
Queroseno fillo do petróleo impulsa o avión de Galicia a Cataluña. O tempo mellora sobre a Pel de Touro, reino da solidariedade popular. Un viaxeiro di que España, sen Estado, volve á guerrilla, non á Guerra da Independencia contra exércitos napoleónicos senón á de Liberación contra o Monstro Visgoso que converte a Costa da Morte na Costa Morta.
En Barcelona séntese falar grego moderno. Os altofalantes traen palabras de doada comprensión: “aeroplano” e “aerodromio”.
Despois é o Mediterráneo, azul, tranquilo. Un paso rápido sobre a Sardeña; outro, fugaz, sobre a Península Itálica. E un comentario a petar: malditos gregos, reis da cobiza, descoñecedores dos mares verdadeiros. Non abondara co Aegean Sea, que pasou á épica das tristuras galegas como Mar Exeo de negra sombra. Canallas armadores, ignorantes capitáns. Do libro dos refráns da Biblioteca 120 sae un dito espantosamente acertado: “En Galicia a fame sempre vén polo mar”.
O mar grego, sementado de illas, xorde brilloso ao solpor; e Atenas é a masa branquiza de sempre, entre montes resecos, coa metade da poboación do país.
Entre lusco e fusco o taxi procura facer camiño desde o aeroporto ao centro. No avance lento todo son anuncios do glorioso ano olímpico 2004. E elementos dun Nadal traído de moi lonxe, do Norte da Europa, pasando polos Estados Unidos.
Atenas, con remedos de Papá Noel, dá mostras de colonización, de transculturación, de triste entrega aos costumes ianquis.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 22/12/2002]

Share