Charlot en Monforte (Caderno de viaxe, 15/12/2002)

A viaxe iníciase xunto do Arteixo, río que dá nome a concello industrial e morre feito cloaca na praia de Alba, desde a que se contemplan as illas Sisargas. E remata á beira do río Cabe, que atravesa Monforte de Lemos, vila histórica e ferroviaria.
A autovía marca cores de outono galego, verdes esmeraldinas cando bate o sol entre ocres de carballeda e verdinegras de piñeiral montañés. Pasada Nadela enfíase estrada cara ao sur e a beleza aumenta ata que preto de Sarria os viaxeiros piden ao conductor parar. Ás vistas de clorofila e bronce súmanse brancos: no inmediato, o marfil das ovellas; no lonxe, o azulado das neves a recortaren horizonte.
¡Oh, belísima Galicia, grande país, pequeno e único!
— Hoxe —afirma un ocupante do coche— somos só palabra banal en boca de casteláns á greña polo poder de Madrid. ¿Que lles importa o noso a eses trapallas?
“Trapallas”: a palabra resoa no habitáculo mentres se fai silencio para escoitar a radio, que non pode mentir; que describe infinitas fraccións da peste que os percebeiros de Malpica non dan arrincado.
Cando acaba o informe dos horrores negros outro viaxeiro opina:
— Nos séculos dos veleiros, a diferencia entre a mariña española e a inglesa era que, cando un buque se perdía, os ingleses sempre facían consello de guerra ao comandante e os españois, non. Porque normalmente estaba de Deus perdelo… Hoxe España vai a pique e só importa o Dépor-Manchester.
En Monforte, lugar de “porto seco”, a conversa comeza por roteiros terrestres, afastados da traxedia de petrobosta das rías que aínda fican por morrer.
Pero logo entra no mar, porque Galicia existe como tribo superior e os seus habitantes conciben o Impaís completo. Así xorde a anécdota do cativo monfortino que non quere volver á praia dos avós na Ferrolterra:
— Está negra, mamaíña —insiste—. Dáme medo.
Anda amoucado e preocupa os pais porque chega a atender á entrevista pactada na TVE, e fai resume:
— Ese home parece o das películas vellas.
Para o neno seica vellas son as —mudas— de Charlot.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 15/12/2002]

Share