Guerrilla e milagre (Caderno de viaxe, 24/11/2002)

Unha chuviscada fai fresca a noite e convida ao paseo. Tras da cea os congresistas dan a última volta polo oasis técnico andino. A avenida principal é disforme, os cabos fan maraña. O ollo non se dá afeito a tanto policía con chaleco antibalas; nin aos coches sen placa de matrícula, identificador que por un absurdo burocrático se pode demorar ata tres anos logo da compra do vehículo, co que a delincuencia está servida…
Un venezolano telemático pon as cousas en claro:
— O noso era “papa e plátano” ou tecnoloxía. Así arrincou a idea da Zona Libre Cultural, Científica y Tecnológica de Mérida.
Un colombiano, investigador das técnicas da telecomunicación móbil, fachendosamente repite a marca —Orgullo de Santander— escrita no contedor de plástico das formigas fritas da sobremesa. Eran importadas de Colombia, e o país de García Márquez e Avilés de Taramancos entra axiña na conversa. En síntese: o Estado non acada todo o territorio que aparece nos mapas nacionais.
A guerrilla señorea uns 40.000 quilómetros cadrados e esixe dous departamentos máis para asinar unha paz duradeira. Iso implica a creación dun estado dentro do Estado xeral. Os guerrilleiros poden ser 30.000, fronte aos 180.000 membros dun exército que os ianquis alimentan –como alimentan o seu vicio de cocaína, raíz de todos os males.
Os “malditos gringos”, viciosos da dama branca, consideran o Caribe como un lago seu, no que se proxecta a península da Florida. Coidan que, sendo propio, ben o han gobernar — pero non chegan a ver a realidade: as visitas dos recrutadores da guerrilla ás familias nas que sobran nenos, fillos da ignorancia anticonceptiva.
Nenos con fusil mandan a paga á casa. ¿E que vai ser deles cando medren? ¿Que oficio lles quedou? ¿Cómo se resolve a traxedia?
Na soidade do hotel vén a solución: un programa televisivo da Igrexa Latina presenta os milagres do padre Marianito, gracias a quen “la guerrilla no entra en Angostura”:
Gracias ás condicións máxicas colombianas, o cancro social desaparece a forza de fe.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 24/11/2002]

Share