Formigas con ron (Caderno de viaxe, 17/11/2002)

Os arxentinos fanse pesadísimos con San Martín, e algo semellante ocorre en Venezuela a respecto de Bolívar. Por todas partes, prazas dedicadas ao Libertador, e montañas co seu nome; e chega mesmo a haber unha república bolivariana; e un estado como o de Mérida, “bolivariano y revolucionario”.
Pero non está claro o que signifique o bolivarianismo, porque quizais o sentido da patria estea escuro entre os venezolanos.
Moitos queren varrer o presidente que lles quixo inxectar en vea o fervor por Bolívar, quizais facendo confusións, de el mesmo co pai da patria, como o “turco” Ménem se confundía co Quiroga, afuxentador de españois imperiais e uniformados…
Nosotros lo pusimos y nosotros lo sacaremos o no —vocifera un taxista—. Pero él tiene que aguantar hasta el 2006.
Sería cuestión de lles preguntar aos viandantes asustados en “la ciudad más segura de Venezuela”, protexidos por policías con chaleco antibalas, e por milleiros de gardas privados coa mesma protección corporal.
Seica un 75 por cento dos cidadáns venezolanos non queren o Chávez.
— Pero hai outro 25 por cento que o apoia, e cómpre pactar— asegura un físico sobre unha bandexa de gnocchi de plátano, en cea de sabores fortes a disolver con viño de Valdepeñas.
Os comensais refírense ao presidente inestable como “el locutor loco”, un militar retirado que —explican— nunca pasou de tenente coronel, o que provoca tensións diante do ministro de defensa e dos xenerais cando veste uniforme, de pouco rango sendo o máximo mandatario.
— O locutor é un manexador de masas –ataca un astrónomo—. En todo sistema político hai pan e circo pero no noso só queda o circo.
Na sobremesa de formigas fritas e ron fálase da revolta que fracasou:
— Os erros principais foron non enviar ese tolo axiña a Cuba, e o retracto dos militares cando viron as accións fulminantes que preparaban os civís que tomaran o poder.
A seguir fálase de democracia no exército. As formigas teñen marca, “Orgullo de Santander”. Na noite andina e aromática todo parece absurdo.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 17/11/2002]

Share