Chistes de gallegos (Caderno de viaxe, 10/11/2002)

Mérida de Venezuela. Campus de La Hechicera, baixo a mole andina coroada de xeo. Sobre o cemento das facultades, antenas de comunicación vía satélite. Pero –ninguén esqueza onde está— as vereas do campus aparecen cheas de bosta: na herba dos desniveis pacen vaquiñas pequerrechas ás que os estudiantes non prestan atención.
O congreso está en marcha. Fálase de modernidades supremas: computación en malla, computación nomádica (¿por qué non “nómade”? Tal vez porque en inglés se di “nomadic”).
A lingua dos ianquis perfora o castelán dos hispanoamericanos. Non só din “reportar” ou “accesar”. Un profesor venezolano chega ao incomprensible para quen non entenda o inglés: “hago el submit de mi job en red”…
No descanso os asistentes galegos son descubertos. Axiña comezan os comentarios xocosos entre os fillos da Madre Patria. Non tarda en aparecer o chiste maldito en pantalla, para animar unha presentación. “¿Quieren conocer el último antivirus gallego?”, e velaí a imaxe: un conector de rede macho e outro femia. No medio, un condón.
Parvos. ¿Saberán o que é Galicia? Unha rexión europea onde hai poucas pero dignas empresas telemáticas.
E axiña a solidariedade dun brasileiro, porque del tamén se mofan os que falan castelán. (Búrlense do Brasil, señores, e verán o que lles pasa. Os brasileiros son os ianquis do sur, inmensa potencia industrial baixo o mando do Lula).
Ao peche da sesión chove miudiño. Mérida ten pouco que ver. Pouco lle queda das linduras coloniais das Américas. Hai, si, algo sorprendente: infinitos ciber-negocios: cafés, restaurantes, “areperas”… En todos os locais, internet.
Cea con bo solombo da serra venezolana e mellor viño chileno. Na rúa vai un fresco que pide chaqueta, e manta no hotel.
Unha reflexión de fin de xornada: ¿de que vale tanto saber teórico nestes ermos industriais? Un peruano confesaba a inutilidade dos laboratorios telemáticos doados ao seu país por Bruxelas. ¿Para que?
Só México, Brasil e Chile teñen hipótese de futuro en tales eidos do coñecemento.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 10/11/2002]

Share