País sen memoria (Caderno de viaxe, 27/10/2002)

Sobre a costa do Puerto Viejo faise noite no curto crepúsculo dos lugares próximos ao Ecuador, pero aínda dá tempo para ver unha mariña chea de lanchas poderosas, axeitadas á pesca do peixe espada: velaí a fachenda dos ricos, longamente afastada da pobreza xeral.
Os pobres gozan na praia veciña, iluminada cos faros dos coches, desde os que tamén sae a música. Báñanse con escasa roupa, bailan na area mollada, bícanse e beben. A Coca-Cola manda. O ron non se distingue na mourenza.
Detrás hai unha liña de restaurantes e marisquerías, con cadanseu garda á entrada, protexido con chaleco antibalas e arma potente. No local aterrazado que escollen os anfitrións o gardián carga un subfusil lixeiro ao ombro.
O negocio é de socios que viñeron das illas atlánticas falando linguas distintas. Un dono é azoriano, outro, canario. E os productos, deliciosos: lagosta e peixe espada tratados de peculiar maneira, como en Europa se trata a carne, con prebe denso de cogumelos.
A fala que denuncia aos galegos atrae a camareiros e xefe. A encomenda convértese en rexouba, de comparanzas entre Portugal, España e Venezuela. Continúa no aperitivo de casabe con allo e métese na cea, amenizada con decente viño do país, de Barquisimeto.
Os inmigrantes están arrepentidos e non confían no futuro de “un país sen memoria”. ¿Que se pode facer onde non se sabe cantos falecidos houbo no horror das riadas porque nin sequera existe un censo real?
Sendo Venezuela tan rica, só lle falta educación; e ganas de traballar, que xorden coa educación. Non coa demagoxia.
– Todos vivimos aquí dos dólares do petróleo que manexa o estado –razoa un rexoubante na brisa da terraza– e agora temos un presidente que nos cubaniza, que fai ver como sospeitoso todo canto veña dos Estados Unidos. E os dólares non se gastan en que a xente aprenda, para que se poida defender dos gringos co que teña na cabeza. O Chávez non sabe vencer os ianquis con cultura… Pero non se preocupen, amigos, que o pallaso non chega a comer a hallaca do Nadal.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 27/10/2002]

Share