Aquí no se trabaja (Caderno de viaxe, 20/10/2002)

Venezuela. Caracas. Maiquetía, alturas verdes nas que a brétema fai toucas; morros agudos, de terra vermella alá onde xorden as chabolas, amoreadas como nas favelas brasileiras.
O aeroporto está medio feito, medio en obras. A xente mostra unha mestura de razas sen complexos: hai europeos e mestizos de todos os tons. Tras dunha fala común, case canaria, con moito “coño” suave (que mesmo as damas pronuncian), vense restos africanos e amerindios.
Esperan pasar control de pasaportes e alfándega. A calor aumenta co avance administrativo, e faise abafante no exterior. O taxi –“carro” ianqui dos anos 70- leva o aire acondicionado a toda potencia.
O taxista láiase da inflación mentres canea polo caserío baixo, colorido, rotoso, con fatos de homes nas esquinas, a fumar e mirar paseantes. Seica todos os prezos se disparan “por culpa do Chávez”. O único que aguanta, “de momento” é o da gasolina: 5 céntimos de euro por litro.
Á porta do hotel pide pola carreira o dobre do que indican as guías de viaxe. A discusión logo acaba: recibe o normal nun billete da Unión Europea e marcha a fume de carozo, se cadra feito o día.
En Puerto Viejo un hotel sobreviviu á maldición do lodo en que se disolveron os montes de Caracas. No hotel un masaxista vestidiño de branco ofrécese de cicerone para o “complexo turístico”. Con orgullo amosa os desastres provocados polo diluvio de hai meses: parte das instalacións hostaleiras xorden semienterradas cabo dunha torrenteira fedorenta. Paxaros sospeitosos, a xeito de cóndores menores, pasean pola vea pútrida que vai verter no mar.
Non se saba canta xente morreu no desmorono dos montes –repite o masaxista-. A se ver os miles de cadáveres que haxa na lama seca.
Pero a vida segue. Un dique separa praias, a “high” do hotel e a do pobo, que bebe e danza baixo a sombra delgada dos coqueiros. A música, atroadora, sae dos “carros” coas portas abertas.
– Así están todo el día –asegura o guía-. Y la noche. Amanecen bailando. Esto no es como en España: aquí no se trabaja.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 20/10/2002]

Share