Na Cartuxa (Caderno de viaxe, 13/10/2002)

O avión fura as nubes e a chaira sevillana xorde xenerosa, pintada de oliveiras e algodón. O taxista anuncia a colleita da fibra branca, logo que a vendima rematou. E comeza as lamentacións: nestas terras abandonadas por Madrid as olivas han podrecer no chan, como as laranxas, se non as recolleren os mouros, que son “unoh guarroh”.
Os do outro lado do Estreito (agora vixiados con radar fino) sofren en Al Andalus o desprezo duns veciños que falan castelán con pronuncia mozárabe. O taxista non debe saber que “guarro” é onomatopeica ofensa para musulmáns, para antigos súbditos do rei Al Mutamid –que tamén chamaban así aos reconquistadores cristiáns, por desleixados.
O mundo dá moitas voltas e a alma de quen viu glorias encolle vendo as ruínas do que fora glorioso. A Illa da Cartuxa, que hai dez anos vibraba no esplendor da Expo, hoxe ten moito de cemiterio. Non hai xeito de chegar á Rúa Albert Einstein nin xente a quen preguntar. O conductor renega do teorizador da Relatividade. “¿Arber Aihtain? –pregunta- ¿Y quién coño era ese tío? Ea, que no le podían poné un nombre ehpañó a la hodía calle.”
Por fin deposita o cliente á porta do que fora un belo pavillón, cheo de tecnoloxía, agora entre plátanos sen sombra no outono da veiga do Guadalquivir.
Dentro fálase de telecomunicacións. Explícase como se van tendendo redes de cabos pola capital. Alguén fala de “unha técnica especial”, de siglas “UHA”; e aclara: “Una Hartá de Aguheroh”. En Sevilla, como en todos as cidades, as redes de fibra óptica medran a base de buratos. Pero nesta urbe famosa fano con moito humor…
A noite dá para lindos viños en prazas cheas de cativos, entre igrexas marcadas polo gótico e o barroco. Soan fontes e a ledicia parece ruar cos pequenos. Mais a conversa cae en política, en “peonás”, en “votos cautivos”, corruptela continua e desesperanza. En colonización interna e demagoxia inmigracionista.
Aínda está por escribir “El atraso económico de Andalucía”, pero Xosé Manuel Beiras ten dabondo co de Galicia.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 13/10/2002]

Share