Rojo y gualda (Caderno de viaxe, 06/10/2002)

Madrid. Comezos de outono. Ceo limpo, serra parda, pequeno oasis de verdor que vira ocre. Nas beirarrúas un cheiro melancólico de follas de pradairo varridas e queimadas.
Tres Cantos demostra que alguén quere inventar. Hoxe Unamuno revería España doutro xeito –e tentaría deducir coñecemento no discurso, pronunciado en spanglish, dos inventores españois.
A contorna de Madrid fala dunha batalla fundamental na España da Unión Europea: todo canto é alta tecnoloxía vén para este ermo. Manda Centralia, perde a Periferia. As empresas galegas que asoman a crista traen as oficinas ata aquí…
De Tres Cantos ao corazón de Centralia: praza de Colón (Colombo, italiano ao servicio da Castela), bandeira desmesurada e constitucional a flamexar na brisa que levantan masas de vehículos ruxintes sobre o asfalto. Tal esaxeración de pano rojo y gualda obriga a lembrar un libro escrito a contrafío dos sentimentos unitarios: A History of Spain and Portugal, de William Atkinson.
¿Por que a Historia foi así?
Tras de grandes vidreiras, sobre o panorama abandeirado, fálase de inventos que teñen aplicación lonxe do reino borbónico e case federal. Levarán avances a repúblicas desordenadas e centralistas hijas de la Madre Patria. Os partícipes na xuntanza insisten en que cómpre devolver a eses pobos “o que nunca se lles deu a aínda esperan de nós”…
O metro de Madrid é barato e rápido, pintarraxado pero limpo, con vendedores de billetes que se enfadan cos estranxeiros torpes: “¿Es que no entiende usted el español?”.
O cliente entende a fala pero descoñece as moedas. Por iso ten un xesto pampo no rostro amerindio.
Ese e moitos outros, que hoxe fan lexión en Madrid, abandonaron as linguas de orixe e só pensan nun castelán construído canonicamente, pronunciado con humildade. E humildemente fan o traballo rexeitado por españois que cobran subsidio de desemprego.
Son unha nova caste de escravos, pagos con disimulo, que non entenden de bandeiras enormes e aos que Madrid debe devolver, alomenos, a prata do Potosí.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 06/10/2002]

Share