Persas e árabes (Caderno de viaxe, 29/09/2002)

As empresas que negocian coa máis avanzada tecnoloxía espállanse sobre as lombas leves da Virxinia. Unha tranquilidade de bosque e orde permite aquí inventar.
As horas de traballo transcorren placidamente, na temperatura correcta, illadas do continuo ruxido da autoestrada próxima. Deixan ver que o mundo se vai dividindo en tres bloques, nos que o coñecemento determina a economía; e que os tres están no Hemisferio Norte deste cárcere azul, redondo, do que non paga a pena tentarmos escapar: colonizarmos Marte é unha espléndida quimera…
O lunch acontece nun restaurante, The Honest Fish, que proclama a súa honradez ofrecendo só peixe do día. A clientela é xente linda, libre do andazo popular, a gordura mórbida contra a que predica o Cirurxián Xeneral dos Estados Unidos da Industria.
A conversa non pode eludir o trauma dos que inventaron satélites espías inservibles contra os musulmáns suicidas. Un comensal, científico de nome americanizado e bandeiriña de barras e estrelas na gravata, declárase “persa” e protesta porque os americanos o confundan cun “árabe”.
Con carraxe apoia a idea do Naipaul, premio Nobel islámico: o Islam é fanatizante por substancia, e non lle hai que facer. “Foi inventado por un cristián —teoriza— para servir ás tribos da Arabia, adoradoras do deus Lúa”…
O viño branco californiano pode competir con chilenos, neocelandeses e galegos. Os lagostinos son un manxar. A conta, pagable.
O iraniano, que invoca a Zoroastro e renega dos aiatolás, pregoa a virtude maior do país de acollida: a consideración dada ao que cadaquén aporta, sen distingos.
De volta ao traballo repítense letreiros dunha campaña para fomentar as adopcións, de nenos, cans e gatos (por esa orde).

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 29/09/2002]

Share