Globalizadores (Caderno de viaxe, 19/08/2002)

Kalispera: boa tarde. Taxi para o aerodromio. Atenas adiante, o taxista vai atento a bocas e mans de transeúntes que se lle dirixen. Lelles os labios. Fainos subir se non o desvían da ruta. Comparten vehículo co primeiro cliente.
Xa a bordo do aeroplano resoan no maxín moitas palabras gregas, fáciles de deducir ou imposibles (como ne: si, ou oghi: non). Pero Grecia debe ser entendida ao completo porque é unha maqueta histórica da Europa.
Na que por capricho chamamos Antigüidade, xa se descubrira o ciclo globalizador: innovar para crear productos que producen lucro en base á dependencia creada nos compradores. Sígase a evolución das técnicas do bronce, do aceiro, da cerámica e do vidro e verase a globalización nos tempos en que os gregos chegaron á Nubia polo sur e á Persia polo Leste porque co Mediterráneo non lles abondaba.
O piloto anuncia a vista do Olimpo, onde só os deuses podían habitar (nada máis globalizador cá intención das relixións…)
Segue rumbo sobre os Balcáns, entrando pola Macedonia á que os gregos de hoxe non lle aceptan o nome. Montes secos, mediterráneos, anteceden a serra verdecente da Serbia, a dos nacionalistas crueis.
Despois, a chaira húngara. A altura do voo converte o longo lago Balatón nunha faixa azul pálida entre pardos verdores.
Por fin, Viena, á beira do Danubio ancho e lento. En Austria o sistema paneuropeo de comunicación de datos fai funcionar axilmente a conexión do teléfono móbil co ordenador portátil.
O correo electrónico trae nota dun lector de La Voz: “A globalización —di— é imparable. Entremos logo nela para ordenala. Para facermos o ben, desoiamos os demagogos antiglobalizadores”.
Pagando un café vienés con euros gregos, agradécese a idea.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 19/08/2002]

Share