Delfos (Caderno de viaxe, 11/08/2002)

De Atenas a Delfos pásanse terras familiares para os españois: secura, oliveiras, obras de irrigación, algo de cereal… Ascéndese por estradas perigosas ao Embigo do Mundo e chégase a unha paisaxe final decepcionante. ¿Por que escolleron os sacerdotes ese lugar entre rochedos para tamaña obra? Se cadra, pouco máis alá os peregrinos poderían gozar coa vista do espello anil do mar.
Dominando pedras e cipreses, e oliveiras no val, érguense ruínas a falar de grandeza comparable á da Acrópole ateniense; e da súa destrucción: en Delfos traballouse obsesivamente para destruír. Aparecen anacos mínimos de esculturas. E os visitantes elucubran: ¿foi o celo destructor dos cristiáns o que chegou a tal extremo? ¿Ou foron os pagáns quen demoleron os seus deuses, para evitaren que os cristiáns acadasen os segredos da relixión vella?
¿Como serían os tempos de mudanza, dos mil deuses ao único Señor dos iconoclastas?
Grecia ten infinitos lugares onde ceibar a imaxinación e soñar prodixios pasados. Pero poucos evocan tanto como o museo arqueolóxico da capital.
A nación, con ou sen estado pero con idioma e consecuente maneira de sentir e pensar, sala a sala do museo mostra a súa substancia, capaz de helenizar mesmo o Exipto; e de marcar liñas de racionalización a toda Europa.
Salienta a escultura: mármore, bronce, técnicas de suxerir movemento desde a quietude.
Marabilla Zeus, ou Poseidón (non se sabe cal, a falta de raio ou de tridente).
Abraia o cabalo á carreira con xinete infantil: voan ambos, móvese a túnica do pequeno, que non para de cravar as puntas das esporas amarradas ás sandalias.
E o cabalo -desde hai vintecinco séculos- respóndelle auñando, coas ventas abertas para aspirar o aire todo.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 11/08/2002]

Share