Estranxeiros (Caderno de viaxe, 04/08/2002)

O caderno de viaxe énchese doadamente en Atenas. De traballo ou de paseo, abonda observar para apuntar. Nesta capital vella do Vello Mundo crúzanse os negocios de Oriente e Occidente, hoxe como nos tempos en que o Mediterráneo era o centro da Terra Coñecida.
Athina é unha mestura de Almería, Buenos Aires e A Habana (incluídos os cans ceibos, libres da sarna que padecen os habaneiros). Resulta algo europeo e meridional con toques de desleixo sudamericano.
Na súa superficie atópanse personaxes das razas todas que coñecera Alexandre o Magno na súa paixón de conquistar; na soterra, concéntranse os estranxeiros: o Attiko Metro permite mirar faces e escoitar falas dos que van chegando desde Albania, Turquía, Afganistán, Paquistán, Bangladesh…
O metro de Atenas dá un xeito para se mover. É barato e acerca o visitante mesmo ata o Pireo ou o Mikrolímano, belo portiño de tabernas caras. Impresiona a súa modernidade, con sistemas radiantes que permiten aos teléfonos móbiles funcionar en estacións e túneles; e cunha orixinalidade magnífica: a mostra dos cortes de escavación nos que xorde —tras duns vidros— a historia da cidade soterrada, chea de tumbas e vasillas.
No metro pódese ir a Psiri, barrio de bo xantar desprezado polos turistas. Alí verase moita pel escura, tendas co mellor cine do “Boliwood” indio en VHS e DVD; e o local dunha asociación de inmigrantes do Bangladesh.
En Psiri, gozando roliños de arroz e carne envoltos en folla de vide, cun viño que lembra os amontillados, defínese un grego “demócrata”: cómpre acabar xa coa avalancha de estranxeiros. Grecia sempre os soubo helenizar, pero agora son tantos que asoballan. E hai que botar os albaneses famentos, criminais todos eles.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 04/08/2002]

Share