Arxentinos do Caribe (Caderno de viaxe, 01/12/2002)

Cada congreso dá para novela coral, feita con intrahistorias de simpatía e antipatía. No que se vén debullando, venezolano e telemático, as divisións comezaron cun “chiste de gallegos”. Os galegos amolados exerceron atracción sobre brasileiros, obxecto de mofas colombianas, chilenos, desprezados por arxentinos, e cubanos exiliados, receosos dos residentes na illa.
No autobús da excursión ao máis alto dos Andes, subindo aos ermos que poboa só o frailejón, planta pálida e rexa, soltáronse as linguas e sóubose da crueldade con que os chilenos fuxidos da besta militar foron tratados na Arxentina. Máis de dous millóns de partidarios de Allende cruzaran a cordilleira. Obrigados a malvivir á parte, cando a ameaza de guerra entre Pinochet e Videla descubriron o seu destino: campos de concentración entre pozos petrolíferos da Patagonia. Se os milicos chilenos se atrevesen a bombardealos, levarían por diante os seus compatriotas…
Na cantina do Pico del Águila rógase non fumar “por falta de oxígeno” e saltan os flashes. Os cubanos que veñen de Cuba vixíanse entre eles e evitan achegarse aos “gusanos” exiliados para non saíren nas fotos xuntos.
Un exiliado conta que os castristas non lle deixan sacar da illa-prisión a muller e a filla ao tempo. E libera a súa carraxe con chistes:
—Os tres éxitos do castrismo son educación, saúde e deporte. Os tres fracasos, almorzo, xantar e cea.
As gargalladas afuxentan os fieis do barbudo, que non escoitan o mellor:
—En Cuba cómpre ter fe; ou sexa, F. E., Familia no Exterior, para que mande prata…
Malia a dor de cabeza producida polo “apunamiento” que só se vence mascando coca, triúnfa o humor dos anfitrións venezolanos. Un deles, no camiño de volta, baixando 3.000 metros en 70 quilómetros, aínda se atreve a aguilloar cheo de sorna:
—Os cubanos son os arxentinos do Caribe. Hai que compralos polo que valen e vendelos polo que eles din valer.
O riso fai ondas nas ringleiras de asentos do bus. Só os aludidos ignoran a “piada” que tanto gusta aos brasileiros.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 01/12/2002]

Share