De retorno ao Impaís (Caderno de viaxe, 14/07/2002)

De retorno, parada en Barcelona, onde manda o idioma propio. Súmanse nomes de pía cataláns a apelidos de inmigrantes aragoneses, galegos, andaluces, estremeños, murcianos. Cataluña integra polo idioma.
En Compostela, diglosia: as mais falan aos fillos dialecto galaico do castelán. É a morte. Os galegos son un refugallo da Historia Ibérica: nin casteláns nin portugueses, levantan sospeitas e desprezos das nacións con fala irrenunciable.
En Ferrol, sen Cerillita a cabalo, orgullos dunha nación mariña: un vello capitán relata singraduras; conta temporais tremebundos en que as baleas se xuntan e resisten ao mergullo, cabezas na auga, caudas poderosas para o ceo. Describe os Sete Mares e pondera as tripulacións galegas, afoutas, descoñecedoras do pánico. Son dunha raza á que non lle importa por onde navegou, que odia a xeografía. E que non quere saber da súa historia. Que, tan viaxeira, nunca escribiu de viaxes. Galicia perdeu a súa epopea naval na Literatura.
Literatura. Xúntanse en Ferrol dous escritores e un historiador: María Rosa Lojo (que pronuncia “Loxo”, como Rajoy –ben escrito— se debe pronunciar “Raxoi”), Álvaro Otero (que debía ser Outeiro) e Bernardo Máiz, ferrolán firme no seu vasco apelido.
Paseo polo barrio da Madalena, longa historia de personaxes que ambos escritores van facer existir nas súas novelas. Farta conversa desde as alturas de San Francisco, á vista do Arsenal (velaí a nova flota de España).
A Arxentina –terra natal da María Rosa— é a patria de moitísimos os galegos. Téntase redimir a República Austral de todos; fálase da Patagonia, dos Corenta Ruxintes: ese mar imposible onde se sabe quen é galego a bordo, porque “os nosos nunca choran”, como insistía o vello capitán.
¿Quén vai salvar aquela innación das súas tormentas, da sempiterna corrupción, da débeda eterna?
O Ménem, de novo. Xa comezou a campaña electoral. O Sur manda: Telefónica no Sur e Repsol-YPF no Sur disque o van apoiar.
En fin, Curros: “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve”.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 14/07/2002]

Share