Nova ruta da seda (Caderno de viaxe, 07/07/2002)

Eslovenia.— Rompen os días á beira do lago de Bled. Desde torres bicudas, as campás marcan o tempo. A beleza de azul, verde e pardo –de auga, fraga e rocha— fascinaría ao visitante que non a puidese comparar cos esplendores andinos da Patagonia.
A todo hai quen gañe no mundo, mais quén lles dera aos arxentinos saberen explotar as súas riquezas como estes eslavos, “alleos aos outros na cultura, aínda que irmáns de sangue e curmáns de fala deles”.
Desde hai quince anos reúnese en Bled o congreso mundial máis relevante sobre comercio electrónico. Gozando de espléndidos paseos, delicados xantares e divertidas ceas, centos de profesores veñen anunciar avances nunha materia que só os pobos atrasados comezaron a considerar hai pouco.
Teñen representantes todos os membros da Unión Europea, Australia, Xapón, os Estados Unidos, Brasil, Sudáfrica e Hongkong.
¿Por qué? Porque xa en tempos de Tito se sabía da posición xeostratéxica da Eslovenia, e do seu porto de Poper.
Os eslovenos maldicen a Churchill, quen seica forzou que Trst (así escrito e pronunciado en esloveno o que para os latinos é Trieste) pasase a mans italianas. A falta dunha faixa ridiculamente estreita da costa adriática, a Eslovenia quédanlle menos de 50 quilómetros de vista ao mar. E, alí, un porto que –por vía de Suez— minimiza as navegacións ao Extremo Oriente.
Así comezou todo: a falar da nova “Ruta da seda”, apoiada na telemática. A independencia eslovena favorecería o desenvolvemento do congreso mundial. Unha política lingüística efectiva deu pulos á internacionalización:
Morto o réxime socialista, acabouse a obriga de aprender ruso. Desde a escola, aos pequenos ensínanlles italiano, alemán e inglés. Por iso todos turistas se senten na casa. E os científicos tamén.
Pouco queda en Eslovenia do pasado. A penas, algún vello Yugo se atreve a competir cos Seat, Fiat, Skoda, Volkswagen, Rover, Citröen…
Esta nación defensora das súas diferencias é dona do futuro: segura no propio, sabe abrirse a canto lle veña de fóra.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 07/07/2002]

Share