Nos Alpes soleados (Caderno de viaxe, 30/06/2002)

Viena fica embaixo, plana e monumental, á beira do grande Danubio que marca o Leste da Europa. Nun esforzo de turbinas, o avión supera as enrugas pétreas dos Alpes Soleados. Caendo a noite, aterra en Liubliana, nun aeroportiño provincial, ben intencionado –nese momento ateigado de xente que vocifera.
Acaba de chegar a selección nacional de fútbol. Traen a derrota para a casa, pero non importa. Macizamente, a tribo eslovena consola os seus representantes o mundo. Pídenlles autógrafos, que eles esgarabuxan en balóns e bandeiras da patria.
Os eslovenos son patriotas con sorte. Teñen nación e estado. E lingua propia que sorprende ao visitante do confín occidental da Europa. Por exemplo, a palabra CONA repítese desde o aeroporto ao hotel. Pero os colegas locais aclaran: ese C pronúnciase TS. E a palabra TSONA quer dicir ZONA.
Eslovenia escapou sen mortes da separación. Na Iugoslavia de Tito, nestes vales cultivados entre murallas alpinas de rocha e fraga obtíñase o 70 por cento do producto interno da república federal. Libráronse da violencia serbia porque os serbios temían máis a reacción croata.
Eslovenia ten unha extensión como só tres provincias galegas, e 2 millóns de habitantes. Mais desde os seus tempos de provincia austrohúngara soubo valerse: turismo termal e alpino, agricultura, o téxtil, os aceiros… E despois a enerxía, a química farmacéutica, os alimentos. Estes eslavos distintos e católicos fan de todo. Hoxe céntranse nas telecomunicacións e na programación avanzada de ordenadores.
E no viño: 80 millóns de litros cada ano. Con calidade.
O hotel de Bled agasalla o hóspede cun reverendo merlot, que sabe a bagas dos montes. Ollando a noite sobre o lago desde o balcón do cuarto, vendo a lúa coma un alfanxe vermello sobre o castelo iluminado no alto da súa rocha, pódese pensar o que moitos españois pensarían se ata aquí viñesen:
Un país mínimo, de fala estraña, pode ser tan independente como unha “grande nación” de imperial fala. E mesmo formar parte da Unión Europea.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 30/06/2002]

Share