Vontade de entrar (Caderno de viaxe, 23/06/2002)

O tren entre Lodz e Varsovia ten un cheiro revellido á RENFE de terceira clase…
Polos países que esmagara a bota rusa correu noticia de que a Unión Europea ten cores de Paraíso. Súmense a eles os pobos que Tito uniu malamente e comprenderase unha intensa vontade de entrar.
Intensísima é en Polonia, país empeñado en fuxir do Leste. O visitante español ten que aturar con paciencia a teoría xeral dos polacos cos que viaxe no tren:
Respecto da Unión —dinlle— España e Polonia logo veñen sendo o mesmo. Teñen un tamaño físico semellante, unha poboación (uniformemente católica) aproximada e un atraso tecnolóxico do mesmo nivel con relación á Alemaña.
Por cortesía cómpre calarmos. Eles non saben que Franco iniciara o harakiri do réxime facilitando a aterraxe das multinacionais, a masificación do turismo e a exportación de man de obra á Europa avanzada. Os polacos coidan que non van sufrir cando rompan fronteiras. Esquecen o seu desastre xeral, aceptan que os camareiros se eternicen para servir nas cafeterías e que nos hoteis non se fagan os cuartos.
Coma avestruces, cabeza no chan, ignoran o bulebule español, as etiquetas de calidade, as parroquias sen fregueses cando eles soñan con que o corazón de Karol Woytila sexa gardado en Polonia “como o de Chopin”.
Polonia, nación clerical, de confesións ostentosas nas igrexas, non é unha civilización plurinacional coma a española; non é unha ponte entre continentes. Polonia —hoxe— é territorio de mafias (capaces de furaren as pernas de quen no paga para o penduraren polos furados), de rameiras incontables ao axexo, de fábricas na ruína e mendigos arruinados polo vodka.
Pero —observan viaxeiros ingleses con receo— Francia e Alemaña han facer o imposible para que Polonia sexa recibida como Eslovenia ou a República Checa, países pequenos e xermanizados, nas mellores condicións sociais e industriais para entraren no club do Occidente.
Oxalá —insisten— non teñamos que lamentar as consecuencias de entrada prematura de Polonia na Unión Europea.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 23/06/2002]

Share