Na cidade do Polanski (Caderno de viaxe, 16/06/2002)

De Varsovia a Lodz vaise por estradas de firme parcheado. Vense amplos leiros de pataca, trigo e aveas, herbais estensos nos que pacen vacas holandesas; e casas de ladrillo pobre.
Tamén hai fragas e fraguiñas. En calquera arrabaldo vilego e fraguento mozas ucraínas ofrécense por quince euros.
Lodz (con ele tildado e zeta acentuado), que se pronuncia Udch, é a patria de Roman Polanski. Cidade téxtil, orientada ao mercado común da Rusia e os seus satélites, hoxe esboróase. Case tan grande coma Varsovia, baléirase. Parece un museo de edificios sen mantemento. Asombros do pasado son as fábricas de ladrillo renegrido e vidros rotos que naceran cunha vella colonización.
Cando a Polonia foi dividida entre Prusia, Rusia e Austria, Lodz “tivo a desgracia de caer nas mans do zar” pero a sorte de que á vila rural dese tempo chegasen algúns empresarios alemáns. Velaí as industrias de pano e o crecemento: fábricas, parques e pazos.
A guerra de secesión norteamericana marcou as glorias de Lodz: un alemán ben informado previra a crise e almacenara algodón do que os escravos negros colleitaban. Dese xeito marcou prezos, e o ouro correu cara a Lodz.
A revolución rusa puxo fin ao esplendor da cidade porque o ouro polaco depositado nos bancos de Moscova caeu nas mans dos volxeviques.
Con todo, Lodz sobreviviu e Polonia reuniuse. A Igrexa de Roma fixera o labor de manter viva nos rezos unha lingua nacional, prohibida…
En Lodz a cinematografía chegaría a ser industria, e Polanski, mito. A escola de cine onde estudiou o Roman ten solemnidades que o xenio sinistro rompe, fotografado en camisa entre doutores honoris causa con toga tan famosos coma Andrej Wajda.
O museo do cine foi a mansión dun industrial alemán megalomaníaco. A este deulle pola arte. Pero tivo un compatriota e competidor na industria téxtil que adoraba os incendios e vestía de xefe de bombeiros para asinar contratos.
Non é estraño, logo, que o Polanski proclame que lle debe todo a Lodz, aínda que a considere “unha cidade morta”.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 16/06/2002]

Share