Na católica Varsovia (Caderno de viaxe, 09/06/2002)

Varsovia, mes de xuño, tarde de sábado.— A cidade xorde dunha chaira retallada de leiros e fragas. É extensa, dividida polo Vístula, barrento e abarrancado.
No aeroporto proliferan garitos de troca de moeda que só aceptan “cash”. Suxeitos sospeitosos ofrecen servicios de transporte. Chove con asaño. A radio do taxi mestura cancións en inglés coa fala eslava dos locutores.
Os rusos malqueren aos polacos, do mesmo sangue que eles, donos dunha lingua irmá —eslavamente redundante nas declinacións— que escriben á latina con acentos nas consoantes.
Varsovia conserva signos do máis recente pasado colonial, ruso. O Palacio da Cultura, soviético na desmesura, salienta coroado por un mastro de antenas de televisión. Acompáñano outros edificios, novos, occidentais, ornados de antenas de telefonía móbil. Arredor desas estructuras corren tranvías veloces e coches tranquilos.
En contraste coa urbe moderna, de amplos espacios e belos parques, o barrio vello é recollidiño: casas coloridas e baixas, rúas estreitas, arcadas, patios. No centro, unha praza baleira sobre a que chove e escampa con esmagadora tristeza.
Vense tristes as caras louras e uniformes dos mozos. Son pobres, humíllaos o desemprego, oféndenos os coches alemáns da xente solemne que se introduce en restaurantes de escasa clientela.
Cae a noitiña e nun restaurante con galería de famosos en foto só teñen seis marcas de viño a ofrecer. A comida é estraña, escasa. A luz, pouca: a xusta para ver unha conta enorme.
¿De que viven estes asaltantes de viaxeiros? De algo, porque vida hai: no interior dunha igrexa hiperbarroca, sobreiluminada, xúntanse beleza e mocidade nun casamento vespertino. Os convidados bican os noivos, catro veces. Un crego novo sorrí, beatífico. Monxiñas novas pululan polo ambiente incensado. Preside todo o retrato do ídolo máximo desta nación, Karol Woytila.
Un taxista sintetiza: soldos polacos para prezos europeos. Só as rapazas teñen traballo, nas “axencias de compañía” que infestan a cidade. Cómpre emigrar.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 09/06/2002]

Share