(Caderno de viaxe, 02/06/2002)

O vello viaxeiro destilaba humor polas enrugas do rostro amable. Voara moito, levado pola profesión e as patrias, que tiña dúas.
Contaba que, ao principio, os avións cruzaban o Atlántico entre os puntos máis próximos e, cando daban chegado, paraban moito, para que lles mudasen os motores ¡enteiriños! Eran horas e horas de esperar para seguir unha viaxe que por mar había durar semanas.
O ancián sabía de esperas e repetía que, cando lle chegase a morte, se lle preguntaren a derradeira vontade, pediría que lle devolvesen o tempo perdido nos aeroportos: gañaría anos de prórroga…
Pero non sempre se perde o tempo nos aeroportos. Neste, onde nacen as presentes notas para o caderno, corre unha conversa interesante.
Iníciase coa crítica a unha revista de historia que fai aparecer a Guillelmo Marconi como “inventor do telégrafo” –cando o italo-irlando-americano descubriu a transmisión de sinais telegráficos polo “éter”.
Séguese coa historia do telégrafo, aparece Samuel Morse a batallar por patentes e dereitos e chégase á comparanza entre o primeiro método de telecomunicación eléctrica (con precedentes no telégrafo óptico) e esa Internet que s masas mal informadas agora xulgan como a invención que está a recompor o mundo.
Non, señores, non: se queremos medir o impacto das técnicas –arguméntase- reparemos en que, antes de haber telegramas, noticias e mercadorías viaxaban á mesma velocidade, a do tren ou a do buque de vapor; aceptemos que os cabos telegráficos baixo o Atlántico fixeron posible o poderío fabril e comercial dos estados do Norte -vencedores do Sur- que e sentaron as bases do Verdadeiro Imperio (conectado co Británico polo fondo do mar, industria a industria); vexamos como o mundo xuntou antípodas á velocidade da luz modulando ondas curtas con puntos e raias.
Non neguemos glorias aos inventores do “datagrama” e da “arañeira”. Mais sexamos xustos:
Na Historia da Humanidade Morse e Marconi abriron un capítulo ao que Roberts, Khan, Cerf e Berners-Lee non han pór punto final.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 02/06/2002]

Share