No deserto do dial (Caderno de viaxe, 25/05/2002)

17 de maio.— Como cada cada ano, celébrase o Día Mundial das Telecomunicacións. Galicia descansa; o resto de España traballa. Madrid arde en febre matinal e centralista; pero quedou co mellor da nosa mocidade, e alá se volve, onda os colegas.
Copa de viño español, saudade de tempos idos. Fálase dos negocios telemáticos que non dan arrincado. E ponse esperanza sobre a radio dixital: xa coñecemos a AM e a FM, e agora vén esta, a perfecta, doadamente “nacional” por cobertura. O asunto vai ser o que se considere como nación para o novo medio…
De volta no Impaís cae a longa tarde do “maio longo, todo cuberto de rosas” (oh, Rosalía, poético diamante en bruto) e segue a lectura pública da biografía de Sarmiento. Entre os lectores corre a idea: como o día Mundial das Telecomunicacións —sintetiza un xornalista—, o das Letras Galegas debía ser laborable pero cheo de festexos.
18 de maio.— Desde a Coruña ao Porto soa a radio do coche sobre a autoestrada veloz. Todo volveu ao seu, xa pasou o 17 e as emisoras sincéranse. Traballan en cadea: producen en Madrid, difunden “en provincias”. Ata a mesma fronteira do Miño pai, azul e maxestoso, todo o dial da radio zumega Madrid. É un deserto de galeguidade.
Menos cando a busca se detén nas frecuencias da Radio Galega (única, con letras capitais).
Pero no que emite a RG por toda Galicia séntese que os seus locutores quixeran falar castelán. Distinguen na pronuncia entre Rajoy –ministro en Madrid— e Raxoi –pazo compostelán— como se non fosen a mesma palabra. Debíanos castigar a repetiren “xa, xe, xi, xo, xu” mil veces ao día…
Pasado o Minho, o oído descansa: o portugués é lingua propia de radiodifusión.
Xa ollando o Douro das altas pontes, cómpre matinar:
¿Terá o galego oportunidade coa radio dixital?
¿Que pensaría frei Martín se, en nova viaxe desde o Alén, oíse a Galicia de ogano?
¿Como será a Portugaliza dentro de dous séculos?
En fin: triste condición humana a de enlazarmos pasado con presente e coa imaxinación do futuro.
Albiscar por veces doe.

[La Voz de Galicia, Caderno de viaxe, 25/05/2002]

Share