Dobre sanidade

A crise en España serve para repensarmos o que se daba por feito e intocable. Alén da Constitución, velaí a educación e a sanidade. Días atrás cadrou manifestación en Galicia a favor de algo ata agora garantido, a sanidade pública, e contra a privatización dela.

Realmente España ten dous sistemas paralelos de sanidade: público e privado; e unha parte de cidadáns españois manteñen ambos. Certa faixa social, burguesa, usa os servizos da seguridade social -en Galicia, o Sergas- e máis os dunha compañía privada. Ou sexa, paga dúas veces pola súa saúde.

¿Por que? Sinxelamente por non esperar. Ninguén nega que os servizos da sanidade pública sexan excelentes, que conten co mellor dos profesionais e os equipamentos; mais a súa resposta é lenta, en canto os sistemas médicos privados responden axiña.

¿Como se supera a lentitude do público? Pagando pola rapidez do privado; de maneira que -na fin das contas- o menor uso do público por que pode manter un seguro privado alivia a carga da seguridade social e diminúe nela as listas de agarda.

Par pórmos as cousas a xeito, as administracións deberían dar opción de uso, total ou parcial, da súa oferta; e cobrarlle en proporción a quen prefira servizos privados. Outra opción igualitaria, a de negar a liberdade de escolla, soa a inconstitucional.

[La Voz de Galicia, 17/12/2013]

Share