Viagens na minha terra (Caderno de viaxe, 19/05/2002)

Xavier de Maistre escribiu unha obriña de sona, Voyage au tour de ma chambre. Almeida Garret marcou a literatura portuguesa con Viagens na minha terra, groso volume.

No inicio das Viagens, Garret fai chanza amable de quen tivo a orixinalidade de viaxar polo seu cuarto: se o De Maistre –di— tivese vivido en terras tan amenas coma as portuguesas “ao menos ia até o quintal”.

Certo. Hai pobos privilexiados, aos que lles paga a pena saír ata a horta para veren as marabillas que Natura deu ao seu país. Un é o galego.

Ver a terra propia é gozosa tarefa; para a que hoxe hai moitos medios: coche, moto, cuadrimoto, bicicleta… mais ningún coma o cabalo. Para avanzar contemplando, o cuadrúpede concede altura ao xinete, lévao a onde non daría chegado con vehículo de rodas ou tardaría moito en chegar a pé…

Nese espírito partiu a excursión que fica anotada no caderno: de Loureda a Paiosaco, monte a través polo concello de Arteixo.

Víronse prados coma mares pequenos, sentiuse o cuco a marcar primavera, pasáronse restos de carballeda e soutos cativos, cortouse por selvas de eucalipto, arremedos xigantescos das centeeiras e os trigais que alimentaban a xente antes da teima silvicultora.

No lugar de Mirón os excursionistas envexaron os poderes Inditex: as instalacións de Casas Novas, onde a equitación se acastela.

E despois a feira de “Peisaco”, como din no lugar onde prometen “Jrande festa” con pronuncia bergantiñá e escrita castelá.

Alí amarran os xinetes as cabalerías e mergullan na barafunda feiral: Babel de galego, castelán, castrapo-galego, castrapo-caló, falas da África e algo de francés.

Feirantes paisanos ocúpanse de comida, apeiros e zapatería; os xitanos reinan na roupa; os negros vocean abelorios; os marroquís pasean alfombras, reloxos e lanternas.

Callos e viño marcan descanso e, á volta, nova ración de beleza coas Sisargas ao fondo sobre a redondeza do mar.

Xa rendendo viaxe, as garzas recordan aos cabaleiros que a vida é un ir e vir; un aprender constante —mesmo na propia terra.

[La Voz de Galicia, 19/05/2002]

 

Share