Constitución vixiada

En decembro de 1978 quen isto escribe estaba na Arxentina, país entón sometido a unha noxenta ditadura militar. Nos centros galegos aínda se mantiña a bandeira republicana e os vellos galeguistas receaban da transición política que se estaba a desenvolver en España. Na calor da fin de primavera austral discutíase, acaloradamente, sobre a Constitución que se ía votar. Ninguén a apoiaba, principalmente pola convicción republicana, maioritaria entre os persoeiros da Quinta Provincia. Producíalles urticaria o veren como nacionalistas, comunistas e socialistas aceptaban símbolos dun pasado que «toda a España avanzada» dera por morto en 1931. Fronte ao referéndum do día 6, a resposta era unánime: non participar, non se «luxar» naquela «farsa». E cando se argumentaba que ás veces vale máis algo -de apertura- ca nada, os exiliados retrucaban que mal pode servir unha Carta Magna cando se redacta baixo a vixilancia dos «milicos». 35 anos despois viven poucos daqueles defensores da democracia republicana, mais a súa reflexión segue vixente. Con todo, negar que hoxe os españois gozamos dunha democracia formal -sen censuras nin vixilancias uniformadas- sería absurdo. Daquela, xa en plena liberdade, ¿por que non repetimos o ensaio? Os nosos fillos non votaron no 78, e a España futura é deles.

[La Voz de Galicia, 12/12/2013]

Share