Furgonetas eléctricas

Días atrás La Voz daba datos pésimos sobre compra e uso de coches eléctricos en España. Deles concluíase que aínda son unha «quimera ecolóxica». Repasadas as cifras mundiais, tampouco animan moito. Mesmo así, a propulsión eléctrica de todo tipo de vehículos non ten nada de quimérico nin está no limbo dos futuribles. Óllese como gaña espazo no ámbito máis esixente, o da fórmula 1, cada ano máis hibridizada. Véxase a teimosía de Tessla, que presenta un coche con máis de 600 quilómetros de autonomía en modo eléctrico estrito. Mírense os avances en recambio robotizado de baterías, ben máis rápido cá carga dun depósito de combustible. Obsérvense os avances no eido dos acumuladores, a suma de durables de carga lenta e descartables de carga rápida. Pero, e sobre todo, téñase en conta que os grandes do automobilismo masivo apostaron por vehículos deseñados como «eléctricos» na orixe. Abonda vermos anuncios en televisión e revistas de cobertura mundial para facer unha reflexión: se os grandes van polo coche eléctrico, aquí, onde tanta industria auxiliar do automóbil hai, poderíase apostar de xeito autóctono pola furgoneta eléctrica sinxela, a de usar polo día e cargar pola noite na cocheira. Un proxecto fallido de fábrica de baterías non é desculpa: a batería é só un compoñente do automóbil.

[La Voz de Galicia, 05/12/2013]

Share